Monday 20 de May de 2024

A Xunta continuará a tramitación da oferta de emprego público logo de que o TSXG rexeitase unha demanda do sindicato CIG


A organización sindical presentara unha demanda contra os sindicatos CC.OO., UGT e CSIF e tamén contra a Xunta polo acordo asinado en febreiro, que permitiu duplicar o número de prazas ofertadas para o persoal laboral

A Consellería de Facenda continuará con normalidade a tramitación da Oferta de Emprego Público (OEP) para o ano 2016, publicada no DOG o 7 de marzo, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitase unha demanda do sindicato CIG. Esta demanda, de ter prosperado, implicaría que a oferta de emprego público da Xunta para 2016 perdería 120 prazas de acceso libre e 146 de promoción interna.

A Xunta vén de recibir a sentenza da sala do social do TSXG na que se desestiman integramente as pretencións da CIG. O tribunal rexeita a demanda de impugnación de convenio presentada pola CIG contra o acordo asinado en febreiro entre a Consellería de Facenda e os sindicatos CC.OO., UGT e CSIF. Este acordo permitiu duplicar a oferta para persoal laboral e elevar a OEP nun total de 266 prazas, ao pasar de 448 a 714.

Para acadar este incremento, Xunta e sindicatos acordaron non aplicar en 2016 o artigo do V Convenio Colectivo para persoal laboral que establece que as vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á quenda de acceso libre. De aplicarse este artigo, a OEP reduciríase en 266 prazas xa que o total de prazas ofertadas superaría a taxa de reposición imposta pola normativa estatal, de obrigado cumprimento.

A sentenza posibilita que o proceso de oferta de emprego público para este ano continúe con normalidade, e que non sexa necesario reducir as prazas xa ofertadas.

A demanda aludía a aspectos formais e, de feito, o TSXG asegura na sentenza que “non se chega a vislumbar cal é o obxectivo buscado na anulacuión do acordo, o cal supoñería paralizar a OEP de 2016” ou, cando menos, “a limitación drástica das prazas ofertadas na quenda de promoción interna”. Tamén sinala o “evidente prexuízo para todos os traballadores afectados” que significaría reducir o número de prazas ofertadas.

Dobre de prazas
Grazas ao acordo subscrito en febreiro de 2016, a Xunta puido aprobar ese mesmo mes unha Oferta de Emprego Público para 2016 con 714 prazas, máis do dobre que as ofertadas no ano anterior (373). Ademais, nesta oferta de emprego non está incluído o eido do Servizo Galego de Saúde e o de educación, xa que contan con ofertas de emprego propias.

A OEP de 2016 está centrada en dous grandes eidos, os servizos sociais e o servizo de prevención e extinción de incendios, que concentran o 75% da oferta deste ano. Así, no eido dos servizos sociais a OEP inclúe 318 prazas, das que 172 son para promoción interna e 146 de acceso libre. A oferta de emprego inclúe oposicións nas categorías de camareiro-limpador, axudante de cociña e auxiliar de enfermaría.

Ademais, a Administración galega incluíu na oferta de emprego o servizo de prevención e extinción de incendios, con 218 prazas, das que 124 serán de acceso libre e 94 de promoción interna. Convocaranse prazas nas categorías de condutor de autobomba, vixilante, emisorista, peón e peón condutor, e non esixirán titulación específica, ademais de prazas para persoal funcionario das escalas de Enxeñeiros de Montes, Enxeñeiros Agrónomos, Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Enxeñeiros Técnicos Forestais.